AUDIOVISUAL

OLAIA SENDÓN - ANDRÉS LÓPEZ

OLAIA SENDÓN

Olaia Sendón (Ourense, 1978).

“Son licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidad Autónoma de Barcelona e videocreadora que se gaña a vida como docente na Escola de Imaxe e Son da Coruña. Na miña obra as veces falo do universal como en “Pequenas superficies”, en “Míjau” ou “Kauflanders” e outras directamente do territorio que habito como en “Os fabulosos irmáns da luz”, en “A casa de Lola de Andrés” ou en “Fisterra, carne de safari”. As miñas obras viaxaron por festivais: Festival de Málaga, Proyector, OUFF, MICE, Alcances, Cortos Gandules ou CCCB e tamén por exposicións como na 12 e 11 Mostra Internacional Gas Fenosa, Casa da Parra, Palexco, SH Shanghai ou Estampa. Con “Kauflanders” gañei o VIII Premio de Novos Valores do Auditorio de Galicia. Recentemente veño de publicar un libro para nenos que se chama Xián é terrible”.

No Artenauta Olaia Sendón amosaranos a peza “Os Fabulosos irmáns da Luz”.

Os Fabulosos irmáns da Luz é un documental experimental onde percorro os espazos da costa da morte que outrora foron cines e sobre eles proxecto unha película feita de anacos de historias vividas mentres se vían as películas. Poden os espazos gardar memoria do que teñen sido? Preguntome ao principio da peza, e adico 12 minutos a resolvela”.

ANDRÉS LÓPEZ

Andrés López (Corcubión, 1982)

Andrés López é artista plástico e dixital. Estudou Artes Aplicadas á Escultura na Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso de A Coruña e Conservación e Restauración de Bens Culturais e Artísticos na especialidade de escultura na Escola de Conservación e Restauración de Pontevedra. Complementa a súa formación na Escola de Arte Ramón Falcón de Lugo na que cursa Artes Aplicadas a Madeira e cun Máster en Artes Gráficas na Escola Aula Creactiva de Madrid. A súa obra se caracteriza polo encontro entre a expresión artística e a intervención dixital na intención de descentralizar a autoría das súas pezas e de representar nelas a contraposición entre a tradición da vida rural e a nova era tecnolóxica.

No proxecto Sinestesia Robótica, presentado no II Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura” (2012) interpreta a relación entre a tecnoloxía e a arte utilizando robots para esparcir a pintura sobre o lienzo de forma aleatoria. As series Rural_glitch (2013) e Rural_data (2014) representan a vida no rural a través de composicións visuais e sonoras nas que contrasta a fugacidade da vida contemporánea e o apego a herdanza da tradición. As súas obras foron expostas no Forum Metropolitano da Coruña, a Capela do Pilar de Corcubión, o espazo Gato Verde de Madrid e o Clube Financieiro da Coruña.

Andrés participa no festival Artenauta cunha instalación audiovisual que toma a forma dun retablo dixital inspirado na figura de Titía. Trátase dunha peza na que se recolle a relación entre a tradición e a tecnoloxía a través da fotografía o vídeo e o sonido.

Contacto: andres@alopezestudio.com