ESCULTURA

BORJA INSUA - CAMILO SEIRA - ÓSCAR ALDONZA

BORJA INSUA

Ademais de titiriteiro e actor, Borja Insua Corcubión, 1980) é escultor, especializado na talla de madeira. Estudou escultura na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Mestre Mateo de Santiago e ao longo da súa vida Borja reencóntrase unha e outra vez coa súa obra escultórica. Destaca a súa serie “A memoria” exposta na Fundación Granell de Santiago, que nos achega á vida da aldea na que se criou, ós nosos vellos e á súa cultura do traballo. Recentemente acaba de crear “Espantallos”, unha instalación funcional nunha leira sementada por el mesmo en Brión, capaz de dotar espontaneamente dun sentido ulterior as pezas e o entorno no que se inseren.

“As obras de Borja Insua latexan. Diríase que son organismos incribles provistos de corazón, arterias e todo o equipamento necesario para a vida. O artista ofrécenos sempre tallas e esculturas de madeira que conservan a concentrada enerxía das árbores que as deron, como se aínda estivesen enraizadas. Obras con longuísimos rizomas que se estenden baixo o mundo, silenciosos. Iso é algo que as fai únicas e verdadeiras. Ser único non é difícil, pero ser verdadeiro é a virtude máis escasa entre os artistas. Porén, é algo que a obra de Borja consegue sen pretensións nin vaidade”. María Lado.

As pezas que amosa Borja Insua en Artenauta forman parte da serie “Espantallos”. Son inmigrantes varados en terra, apátridas sen esperanza que hoxe se sitúan a modo de escaparate nos balcóns da nosa vila, para lembrarnos que ainda que miremos para outro lado eles seguirán aí.

https://titeresalakran.wordpress.com/

CAMILO SEIRA

Camilo Seira naceu en Padrón ou 8 de decembro de 1974. Desde moi pequeno manifestou ou seu interese pola pintura e a escultura. Entre 1.993 e 1.994 participou como aprendiz e axudante no taller do coñecido escultor compostelán Fernando Blanco, discípulo de Asorey.

É graduado en Artes Aplicadas na especialidade de Técnicas de Volume na Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos “Mestre Mateo” de Santiago de Compostela. Tamén, Licenciado en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Entre ou 2004-2006 exerce como profesor de escultura na escola de “Canteiros” de Poio (Pontevedra).

No seu traballo escultórico, Camilo Seira traballa fundamentalmente coa madeira, a pedra e o bronce. Ao longo da súa traxectoria, ten participado nunha vintena de exposicións individuais e colectivas.

En canto a obra pública, Camilo Seira ten vintecinco monumentos distribuidos por Galicia, entre os que destacan La Bella Otero, en Valga ou o monumento ao peregrino de Padrón.

Sen dúbida o que máis lle entusiasma a este artista, e polo que sente unha especial sensibilidade a natureza e os animais, algo que aparece reflictido na súa obra. Netse senso, anualmente desenvolve na súa propia finca un festival de arte denominado LandArt ,que busca a creación artística a partir de elementos da natureza.

A obra de Camilo Seira no Artenauta poderá verse en diversos da Praza Castelao.

www.camiloseira.com

OSCAR ALDONZA

Oscar Aldonza Torres, Santiago de Compostela, 1976. Graduado en Técnicas de Volume pola EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela e licenciado en Belas Artes, Especialidade de Escultura, pola Universidade de Sevilla. Desmpeña a sua actividade artística, principalmente como escultor, dende o ano 2002, realizando múltiples exposicións en diferentes lugares de España, Portugal e Francia, compaxinando coa sua tarefa como profesor de Escultura na EASD Mestre Mateo. Posúe tamén diferentes obras en espazos públicos de Santiao de Compostela, Teo, Sigüeiro e A Coruña.

A súa obra, eminentemente figurativa, mostra un claro interese polos procesos e o traballo cos materiais, posuindo un forte carácter experimental. Traballa a cerámica, o bronce e o ferro, a madeira  e a pedra en ocasións, buscando a combinación entre eles e a súa aproximación hacia os límites expresivos da materia. As suas pezas versan sobre a condición humana, mostrando interese pola relación entre o arquetipo e o específico, entre o individual e o colectivo ou entre a ambigüedade e a rotundidade. Son obras tamén cun profundo sentimento, que reflicten os intereses do artista polas diversas facetas que posicionan o ser humano dentro da sociedade contemporánea, traballando sobre temas como o xénero e a sexualidade, as desigualdades sociais, a ecoloxía, as migracións, entre outros, vistos dende unha persoal óptica que combina a crudeza formal do expresionismo cunha profunda sensibilidade simbólica.

A obra escultórica de Oscar Aldonza no Artenauta pode verse en distintos balcóns da Praza Castelao de Corcubión.