PENSAMENTO

MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE "OS SONS DE NINGUÉN"

OS SONS DE NINGUÉN

Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951) é mestre de filosofía e escritor. A súa vocación principal foi sempre o ensino e, se cadra por iso, no seu labor como escritor concedeu unha importancia principal aos xéneros dirixidos á infancia e á mocidade.

Foi membro fundador do movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e pertence ao Consello Asesor da Revista Galega de Educación. Membro dos Grupos de didáctica da Filosofía Enxergo e Nexos, cos que publica materiais para o ensino, pertenceu ao Comité Organizador do Congreso Internacional de Pedagoxía da Imaxe “Pé de Imaxe” (1991-2000).

Codirector (primeiro con Agustín Fernández Paz e Xosé Lastra, logo só con Agustín Fernández Paz) da colección Merlín de literatura infantil (Edicións Xerais de Galicia) desde a súa creación ata o ano 2007, foi tamén director da revista de banda deseñada Golfiño nas súas dúas etapas, a editada por Xerais (1999 ata 2000) e a editada e distribuída por La Voz de Galicia (2002 ata comezos do 2005). Ten publicado numerosas reseñas críticas e estudos sobre a literatura infantil, algúns dos cales recompilou e organizou nun libro de recente publicación: Da Carapuchiña vermella ao señor Lamote. Clásicos da literatura universal en lingua galega (Xerais, 2019).

Actualmente forma parte da redacción da revista Tempos Novos e desde hai cinco anos é un dos animadores das xornadas de Filosofía para Veraneantes que se desenvolven na Capela do Pilar de Corcubión.

Sobre Estética publicou tres manuais, un de carácter xenérico: Iniciación á Estética (Xerais, 2002); e dous relacionados co teatro:Teatro alternativo. Das vangardas ás novas tendencias, Berrobambán Teatro, 2002)  e Estética e teatro (Galaxia, 2006).

No Festival Artenauta a súa participación consistirá no programa radiofónico “Os sons de ninguén” que se emitirá  venres, sábado e domingo entre 18h e 19h en Radio Neria (107.8 FM).