
FARÁNDULA VELUTINA
Farándula Velutina é un grupo de teatro afeccionado que nace no verán de 2018 vinculado á asociación cultural As Nove Musas, de Corcubión, co obxectivo de xerar un espazo de creación escénica de espectáculos para todo tipo de públicos. Está integrada por antigos membros da agrupación de teatro escolar Tuéjele Teatro do I.E.S. Fernando Blanco de Cee. Na súa breve andadura, xa ten colaborado activamente na vida cultural da bisbarra. Así mesmo, as súas montaxes foron obxecto de diferentes recoñecementos e galardóns.
A filosofía do grupo é traballar preferentemente con textos de creación propia. É por iso que a meirande parte das nosas representacións parten de textos do autor Fernando Castro Paredes, membro activo do grupo, ou de textos de creación colectiva.
Enlace: https://as9musas.wixsite.com/misitio
Farándula Velutina estará no Artenauta representando as pezas

Soraya Lema
“Aldara na montaña” de Soraya Lema.
Aldara na montaña preséntanos a historia dunha nena que inicia a súa primeira viaxe lonxe da casa. Aldara, logo dunha discusión co seu avó, decide fuxir cara á montaña dos Penedos de Pasarela e Traba. A protagonista toca co acordeón o “Pasodobre de San Roque” e, a partir dese momento, establécese unha relación máxica entre Aldara e cada un dos penedos que descobre. Na súa travesía, a bordo do Barco Miramar, comparte viaxe coa señora Lebre e o señor Pallaso, e coa axuda da Aguia consegue chegar ó fogar das estrelas. Inspirada nos poemas de Pondal, Aldara na montaña constitúe unha historia de superación e de busca da identidade propia, ó tempo que pon en valor o noso patrimonio natural e cultural.
Dirección e interpretación: Soraya Lema